22 de Novembro de 2009

GARABULLOS DE SALITRE

P.Torreira


Os meus beizos pasan a rentes das túas gañas, a miña derrota afúndese co peso de tanta medalla e namentres, os enemigos fuman esa acta esquecida de rendición.
Mesturarte cos restos da uva e a suor e unha maneira de investir, nun conxunto desordeado onde sobra o viño e as veces, faltas ti.
Este día de lata de sardiñas anda orfo dun anaco de pan e na vella pintan de cores a garita, onde agarda con vocación de sentinela a mesma semana repetida.
Un poeta e un prosista asinan con sangue a declaración da renda, o Domingo pensouse Abril, a rúa ule a salitre e o mar, reside na memoria que principia co teu corpo a suba da marea do vivir.

17 de Novembro de 2009

DE LUGARES (e Sabinas)

P.Torreira



Cun Chet Baker por coartada
inspiro medio cigarro
nun atraco a man armada do teu corpo.
Agora que vivo en Baldío
agroman letras acubilladas en posdatas
que pintan coa tinta das mentiras,
as medias que tiras no chan.

Roubándolle un ripio a Joaquín
disparo un verso tuneado
cos restos en fuxida do teu motor.
Agora que habito na Nostalxia
teño as fazulas enchoupadas en carmín
que denudan as saídas de emerxencia,
onde os que perden piden a vez.

Son un iletrado dos teus silencios,
teño un compadre Franético,
perdinme de copas cun policía local,
nos Martes que decia buscarte.


15 de Novembro de 2009

DE CEOS E BOCAS

O´Miro

Hai no ceo da miña boca unha adega do Rosal recomendada polos doutores da seguridade social e ti xa sabes querida, que todo na súa xusta desmedida non é malo.
Hai no ceo da miña boca o catálogo esquecido de todas as bocas que quixeron bicarte, dun xeito pausado, suicida, veloz, covarde, vagaroso e lixeiro.
Hai no ceo da miña boca un inferno que non pecha co abrente, un incendio sen bombeiros e os restos da túa roupa interior, desnortada na batalla campal dos corpos.

8 de Novembro de 2009

7 SEGUNDOS



Dame un termómetro pra subir a febre, un banco de portas abertas, unha novela que renegue do escritor e un pan de broa con vocación de centola. A cidade esperta de Domingo buscando alento debaixo das pedras, reseteando ausencias, medindo infinitos e agochando derrotas. A paixón regálase cun Dominical pra mollar no café que quere ser licor e dous bombeiros xogan cun misto, agochando as luces de neón no seu camión.
Podo repetir a canción vinte veces ata chuchala coa tinta do papel, podo instalarte na amnesia dun sorriso, podo vestirme de revolución, bicarte como a primeira vez e sacarche un sol debaixo da saia.
Dame un teléfono pra non escoitarte, un xuiz pra cometer un atraco, unha herdanza pra ser libre e unha habitación con vistas pra taparme os ollos e asi por fin, poder mirarte, durante 7 segundos.

7 de Novembro de 2009

REDUNDANCIA


Teño unha gramola no peito que repite a túa canción nunha cidade mollada pola noite onde todas as mulleres son TI.
Teño o que perdín, o disco emprestado, a verba indixesta e a tinta derretida polos bicos non dados.
Hoxe son todo sen TI, canso sen TI, só sen TI...TI.


3 de Novembro de 2009

UNHA (De Novembro)


Márcasme Novembro na fronte coa cinsa de tres castañas da vella que non chas quero, non chas quero. Márcasme Novembro na fronte cun magosto lixeiro de roupa agora que chegou a invernía e eu invisto en puchos e abrigos de corte británico nunha Compostela que quere ser Londres.
A cidade é unha procesión de obrigas cinguidas polo horario laboral que mollan as penas en viño, o fotograma velado duns beizos sen vaselina, a quiniela premiada un Luns e todas as veces, que nos dixemos goodbye my lover xuntando a nosa pel.
Baixa o mercurio e os porcos recean do coitelo, que non cho queren, que non cho queren. Baixa o mercurio e a xeada é suor ao teu carón, nun leito dead and lovely, patrocinado por Tom.

31 de Outubro de 2009

SEGUNDOS



Un ciclista suicida con tres copas de mais,
unha lolita con superavit de Humbert Humbert,
aquel bico embargado por un xuiz inclemente,
7 berros acelerados nun leito,
as luces nos ollos da noite,
a túa roupa interior requisada por un municipal,
aquelo que nos sobra pegado aos zapatos,
INSPIRA.

Un querer perdido no silencio,
Unha canción con café de almorzo,
os pesarios do que toca facer,
un fotomatón de saldo nunha comisaría,
os días que quixen e non puiden,
un brinde polo de sempre e canto antes,
aquela postal de arma branca,
EXPIRA.

As cidades que agardan cun coitelo nos dentes,
as apertas de vento e choiva,
ti e mais eu de costas rodeados de malos,
os garitos agochados na pedra da vella,
unha aposta sen provisión de fondos,
as novelas negras de po e
as veces que quixen chamarte cando fuxía,
todo iso colle,
nun lento respirar de ollos pechados.