FUXIR (dun mesmo)
Unha amiga miña di que non podo estar fuxindo sempre de min mesmo, mais ela non sabe que existe Koh Tao. Nunha viaxe sempre están contigo aqueles e aquelas que queres e nesta fuxida así aconteceu. Llamaradas fitándome por estas lerias, Franético nos Rusitos brancos dos garitos deste perdido lugar, Quicoliñas nas postas de sol e nas conversas do silencio, Sabela porque si e TI por quererme, na derrota dos que sempre negociamos un bico embargado en Casablanca. Non me esquecerei de Marci, que derrapa en cada coche deste lugar e do Mestre, que administra os ollares dende a segunda liña.
Hoxe chamei a Bibi Esmeralda para que viñera a pasear polas praias deste lugar, onde o ging, o libro e a música comparten abrentes. Non lle falei da odisea da viaxe en barco dende Ko Samui e tampouco de que aquí ningunha edificación pasa da segunda pranta. Por falarlle, tampouco lle contei que ten pouco máis de 20 km cadrados e dúas ou tres estradas cheas de fuchancos. Faleille do amor, que non deixo de ler a Graham Green e que aquí en Koh Tao, nin eu son eu.
Penso quedar por estes lares uns días, antes de voltar a Compostela.




3 Comments:
Que ben soa Thailandia en galego !.
Anotarei este destino para unha cada vez máis utópica viaxe.
fuxindo...que bem soa...ainda que sexa dun mesmo!
coidado coas tatuaxes
Enviar um comentário
<< Home