23 de Novembro de 2011

DENDE A FIESTRA

Unha trincheira ao carón dunha fiestra. Mírote, fermosa, despreocupada, disparándolle fotos ás follas en movemento, gardando para ti un anaco de outono.
Séntanche ben as derrotas, o paso dos anos innegociable, as vidas doutros que quixeches vivir por horas e o sorriso en formol, esquecido nun retrato de hai anos.
Unha trincheira a carón dunha fiestra. Son un mirón con versos caducados nos petos dos pantalón e unha indixestión de mentiras. Mírote, cun resto de marmelada de fresa preto dun beizo, cun aquel de bonita que pretende non selo, enfrontándose aos días repetidos, abandonando cores no branco e negro.
Unha trincheira ao carón dunha fiestra. Son un cazador cazado. Pídesme con xestos que te acompañe outra vez a ningures, sácasme anos a sorrisos e bérrasme dende fora, que a man que sostén a miña cara neste ollar indiscreto, ten un aquel demodé.

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Torreira, deixarse levar pola preguiza é de lacazáns. Outras lerias ten que estar máis viva,home, que xa poucos leceres me quedan como para perder tamén este.
Ánimo. Marci.

1:41 PM  
Blogger Torreira said...

Ten razón irmán....ten razón...máis a realidade golpea, incluso aos poetas, roubándolles o seu tempo.

11:10 AM  

Enviar um comentário

<< Home