26 de Dezembro de 2011

UNHA DE NADAL

A estrada está xeada, non se salvan nin os anacos dos túneles. Como chegará a invernía baixo teito?. As luces de Nadal mestúranse coas da ambulancia que percorre a cidade saíndose da postal, transportando indixestións de corazón ao servizo de urxencias.
Xa non acreditas na miñas verbas cando digo que a pesar de todo, ti es a miña casa. Nesta festa da melancolía, péganseme os pes ao chan cando me falas baixiño, en garitos onde a cesta de Nadal está ateigada de xeo e os bicos, regálanse coa rifa que coincida coas catro derradeiras cifras do sorteo da ONCE do 25 de Agosto.
Son tantos os sabores emprestados que todo sabe a nada, agás a memoria do teu corpo, que aínda sabe a todo. Percorro o país nunha misión de audaces, sentíndome só rodeado de xente que sabe o meu nome, investindo discos en quilómetros, xogando coa memoria para construír presentes, camiñando a ningures. As árbores intentan danzar unha muñeira no horizonte do lusco-fusco nunha viaxe de versos que ule a asfalto.
Teño unha cadea de metáforas para atarme ao pé da túa cama, verbas perdidas nunha memoria que decidiu non exercer e os restos, ateigados de lazos de cores para poñelos a roxo ou negro.

Non te fíes dos suicidas que non teñen límites no vivir.

2 Comments:

Blogger Raposo said...

Os suicidas sempre teñen unha querencia especial polos fins de ano.
Boas festas e desfrute do 2012 (con permiso de Rajoy, claro).

5:41 PM  
Blogger paideleo said...

Feliz ano e viaxe !.

5:03 PM  

Enviar um comentário

<< Home