29 de Janeiro de 2011

DE MEDIAS E BUFANDAS

P.Torreira

Quero medrar para chegar aos teus xeonllos, alí onde emprestan postais de Roma con vistas e Osvaldo xoga a ser Mercuri.
Quero medrar nesta cidade paralizada pola friaxe de non saber quen é, nun anaco do rock que perdemos no after, nas medias que rachamos para facer bufandas e nas dúbidas que bicamos con vocación, a diferencia doutros poetas.
Agora que nos secamos antes de mollarnos podiamos, mercar unha ducia de rúas sen saída, mil quilómetros ao por maior, tres excesos sen antídotos e as balas que deixamos alugadas, nunha maleta de posdatas.


CaRa A "Llevame al baile-Pereza"

22 de Janeiro de 2011

RESACAS (de salitre)


Camareiro, póñame unha de mar ben salgado, os bicos que lle falten a loira asasina e as balas sobrantes dun desaxuste de contas.
Teño un antollo insular-dependente mollado polas luces de neon, un jet lag na túa pel e unha botella de viño agochada nunha morea de salitre.
Sempre gustei de pasear as praias xeadas ao teu carón, de costas a Zanzibar.

17 de Janeiro de 2011

LUNS (que querían ser Domingos)


Fálame sempre, alí onde se agocha o silencio cando quere berrar, nos dedos embargados sen vasos comunicantes, nas ganas de nada, nos días de choiva, na memoria caducada e nos bicos que tiramos ao lixo, antes de pasar o camión da recollida.

Fálame sempre, nos garitos onde presentamos a nosa dimisión, na droga que inhalei antes de verquela na túa pel, na canción que escoitamos cando perdemos e na frase secuestrada na memoria cando asubiamos, non me esquezas, non me esquezas.

Fálame sempre, na ditadura do estrato bancario, na guerra de costas a túa boca, no leito preconxelado e nas veces que repetimos mil mentiras para poder mal querernos.

Fálame sempre, nos hoteis onde pasabamos as horas contando barcos, nos cines onde sempre perden os malos, en todas as vidas que vives cando calas e nos kilómetros que mercas, para afastarte de min.

Ti xa sabes, que vivir é unha anécdota que aspira á dignidade, unha versión da canción que cantou a estrela de rock no backstage, un verso tuneado e unha habitación con vistas ao polo norte.

Ti xa sabes, que na derrota penduramos medallas, gastamos os freos, esvaramos no xeo e repetimos andares por rúas distintas.

Fálame sempre, gástalle o nome ao título do poemario, tira a chave ao rio, exíliame de min e mércalle un Domingo a este Luns, que entra alugando cromos repetidos.



CaRa A "Love of lesbian-Domingo Astromántico"

13 de Janeiro de 2011

FANECA (brava)

Xa postos poderíamos, porque non, instalarnos na liturxia do caos, facendo colección de bicos lonxe dos aburridos e a centos de kilómetros da lei, que pinta o debuxo do que manda.
Teño as ganas nun chup, chup, preto do lume, lonxe desta cidade mollada na artrose do correcto.

6 de Janeiro de 2011

REGALOS (de reises)


Ti xa sabes que de republicano o titular, cando os reis magos traen un anaco dos teus beizos con sexo, mentiras, cintas de vídeo e mirra. Ti xa sabes, que agochado na choiva, móllanse as ganas de perderte de vista, cun policía que atraca un banco e un ladrón que oposita a grupo B.
Cicatrizamos recollendo feridas, disparamos con pistolas caladas, penduramos un sorriso do gris e importamos New York, Stalingrado e París nun metro cadrado de Compostela.
Somos uns especuladores do querer, hipotecando sístoles sen diástoles.


CaRa A "Amaneció sin querer-Zenet"